miércoles, 3 de abril de 2013

Masa Crítica Coruña - Abril 2013

Achega as túas propostas no foro do grupo: Un SOS pola bicicleta e a cidade

Data: venres, 5 de abril de 2013
Lugar: Praza María Pita, A Coruña
Hora: 20:00 - 20:15

Un SOS pola bicicleta e a cidade. Masa Crítica A Coruña (5/4/2013).


Queremos estender un chamamento moi especial á comunidade ciclista da cidade da Coruña, e a todas as persoas que desexan unha mobilidade socialmente beneficiosa, pacificada e libre dos moi nocivos privilexios do automóbil privado, a participar na Masa Crítica deste venres 5 para manifestar o seu rexeite ás reformas do Regulamento de Circulación que desde fai meses vén anunciando o Ministerio do Interior, e que xa foron plasmadas fai escasos días nun borrador de decreto de reforma presentado pola Dirección Xeral de Tráfico.

Cremos que estas reformas implicarían unha gran perda de dereitos que de forma colectiva, cotián e práctica fomos multiplicando entre tod@s nos últimos anos. Habería un marco legal máis permisivo co acoso d@s ciclistas por parte de automobilistas e administracións, e marcadamente desincentivador do seu uso, o que non faría senón aumentar os riscos de padecer accidentes, lesións e a morte.

Todas as investigacións honestas sobre o tema da seguridade ciclista coinciden nunha conclusión, o respecto á bicicleta entre o tráfico dunha cidade tende a incrementarse de forma importante cantas máis bicis haxa nas súas rúas. A bicicleta é unha das máis potentes ferramentas para axilizar e, sobre todo, calmar o tráfico urbano e incrementar a seguridade ciclista e peonil. Entra dentro da vertente activa, radical, da seguridade viaria, aquela que fai decrecer o número e a importancia dos accidentes. A obrigatoriedade do casco en bicicleta tamén dentro das cidades*, a reforma máis polémica e unha das de maior gravidade, non só é unha medida de seguridade desproporcionada e meramente pasiva, senón que conlevaría unha redución importante dos desprazamentos en bicicleta. Australia, o único país no mundo que implantou seriamente tal medida, viu como estes desprazamentos caían entre un 30 e un 40% sen que a porcentaxe de lesións e mortalidade se reducise a pesar do emprego obrigatorio do casco, o único que se incrementou de maneira significativa no caso australiano foron as multas. Contraproducentemente, se é que presumimos a boa fe do goberno, a obrigatoriedade do casco en bici aumentaría a probabilidade de sufrir accidentes e que estes sexan máis graves.

Á saída da bicicletada, no mesmo horario de cada mes, entre as 20:00 e as 20:30 horas na Praza de María Pita, realizaremos unha acción «die in», e durante o percorrido repartiremos folletos informativos sobre as implicacións da reforma e un chamamento á participación nunha Masa Crítica especial, que se celebrará o sábado día 13 de abril en varias cidades galegas con motivo do Día Internacional da Bicicleta, na que se proseguirá a campaña contra a reforma anti-bici. Animamos igualmente a participar da proposta e organización desta e outras actividades relacionadas a través dos foros en internet das masas críticas galegas: http://bicis.info/foro

Asdo. Algunhas persoas que pedalean cada día e o celebran xuntas cada primeiro venres de mes.

* Ata o momento este tan só é de uso obrigatorio en vías interurbanas, e a introdución de dita obrigatoriedade no ano 2004 non foi eficaz para modificar as tendencias da última década en canto a lesións cerebrais e mortalidade ciclista nas estradas do estado español. As vítimas levan casco na gran maioría de ocasións pero este revélase como unha protección insuficiente nas colisións con automóbiles, causa da práctica totalidade dos casos.

1 comentario:

Toupeiro dijo...

Hola, me gustaría hacer un intercambio de enlaces con vosotros.


Mi blog es "Amo la bicicleta"

www.ToupeiraToupeiro.es/bici

Saludos